ABRIL lanza o seu álbum debut "Medrar", unha viaxe sonora que habita a raíz dende o presente
O disco xa está dispoñible en todas as plataformas e a estrea ao vivo terá lugar o 8 de maio na Sala Rebullón (Mos) ás 21:00 horas
O panorama musical galego amence coa estrea oficial de "Medrar", o agardado primeiro traballo de estudio do dúo ABRIL, composto por Claudia Abril e Marina Carpente. O disco xa se pode escoitar, abrindo as portas dun universo onde a música de raíz se expande con novas texturas e unha mirada actual.
As pezas beben de fontes orais e arquivos fundamentais da nosa tradición, dende melodías de Caroi (Cotobade) e Toutón (Mondariz) ata o legado de Florencio dos Vilares (Fonsagrada) ou o canto de "Teresa dos Cucos" (Malpica). Esta materia prima transfórmase, en mans de ABRIL, en pezas que dialogan co agora grazas a letras orixinais e á produción de Zalo Rodríguez e a mestura de Hevi (Laboratorio Soyuz). O resultado, do que tamén é parte a colaboración de músicos como Juan Arca (Lontras), Joana Gumí, Sunil López ou Hugo Franco. é un equilibrio hipnótico onde a pandeireta e o violín conviven organicamente con elementos electrónicos e vangardistas.
O disco é tamén unha celebración do facer compartido. A narrativa visual, que xira arredor da idea da cabana como refuxio, foi creada por Marte Martinka e Miguel Méndez (Fotomatong), coa escenografía de Laura Iturralde e Coti Faro e o deseño gráfico de Sara Castro. Un traballo que se coceu paseniño entre o estudio de Xustáns e o Pazo de Mariñán (Residencias da Deputación da Coruña) e que, desde hoxe, por fin, pertence ao público.
Co álbum xa na rúa, a formación anuncia a data máis agardada: a posta en escena de "Medrar". A estrea oficial ao vivo terá lugar o vindeiro 8 de maio, ás 21:00 horas, na Sala Rebullón (Mos). Este concerto será a primeira oportunidade para o público de habitar a "cabaña" que deseñaron Claudia e Marina.

