Alana desembarca na Sala Capitol esta fin de semana co directo do seu novo disco, 'Un saber'
Este sábado, 18 de abril, ás 21.30 horas, un dos proxectos máis singulares da nova escena musical galega presentará en Compostela, por primeira vez en vivo, o seu segundo traballo discográfico, publicado o pasado venres, 10 de abril
A Sala Capitol bailará esta fin de semana ao son de Alana. Un dos proxectos máis singulares da nova escena musical galega presentará en Santiago de Compostela, por primeira vez en vivo, o seu novo disco, "Un saber", que viu a luz o pasado venres, en todas as plataformas dixitais. A cita será este sábado, 18 de abril, contra ás 21.30h.
Neste segundo LP, Alana explora os ritmos da nosa tradición oral, sen perder a súa xa característica base electrónica e pop, nun disco de evolución e madurez, ritmicamente diverso, para bailar, cantar, gozar e... emocionar. E así o poderá confirmar en directo todo o público que acuda ao directo este sábado na Capitol.
No concerto, cuxa posta en escena –de inspiración floral– correrá a cargo de As dúas e punto, Alana estará arroupada por múltiples colaboracións sorpresas. As últimas entradas están dispoñibles na páxina web da sala
Alana son Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro. O seu é un proxecto novo, diverso, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile; unha proposta que parte das recollidas e mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop, nunha coidada e xa característica produción musical.
Con este novo traballo discográfico, "Un saber", Alana reflicte o seu cambio vital e amosa, tamén, unha continuidade, desde aquel "O xeito á Cántigha", a súa festexada ópera prima.
Agora, a banda regresa con máis forza se cabe, e coas mesmas gañas de seguir facendo o que máis lles apaixona: “Desde o noso primeiro disco, houbo moitos cambios en nós, tanto a nivel profesional como a nivel persoal, e pensamos que o disco reflexa este cambio. Pero é, tamén, unha continuación: queremos que sexa un disco que transmita o ben que o pasamos facendo música; un disco para bailar, cantar, gozar e, se cabe, emocionar”. O proxecto do disco contou para o seu desenvolvemento co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

