O músico vigués Calllejo debuta en solitario co tema ‘Déixame bailar (Queimadura)’
O artista Adrián Callejo arranca o proxecto Calllejo coa publicación de ‘Déixame bailar (Queimadura)’, primeiro adianto do seu álbum debut 'Moscoso'. O álbum preséntase en directo en La Fábrica de Chocolate (Vigo) o xoves 23 de abril, o mesmo día que sae a luz.
Calllejo, o proxecto en solitario do músico e produtor vigués Adrián Callejo, inicia o seu camiño discográfico co lanzamento de ‘Déixame bailar (Queimadura)’, o primeiro adianto de Moscoso, o seu álbum debut, que verá a luz o vindeiro 23 de abril de 2026.
O tema preséntase como unha declaración de intencións tanto sonora como emocional. ‘Déixame bailar (Queimadura)’ móvese entre a electrónica, o indie e o pop, definindo un estilo propio no que conviven a pulsión rítmica e a intensidade expresiva. É tamén unha peza clave a nivel narrativo dentro do disco.
A canción aborda, en palabras do autor, “esas relacións que non deixan marcas visibles, pero queiman por dentro”. Arrinca desde a asfixia (“terte moi perto casi me queima”) e avanza cara a unha ruptura necesaria: o momento exacto no que se decide que xa abonda. A través dunha letra directa e visceral, Calllejo constrúe un discurso de liberación persoal no que recuperar o corpo, a enerxía e a identidade propia convértese nun acto urxente.
O título remite ao acto máis primitivo de liberdade: bailar. Non como escapismo, senón como reconquista. Fronte á manipulación ou á perda de identidade, o movemento aparece como primeiro xesto de resistencia. Versos como “non son teu cadelo” marcan un punto de non retorno, mentres que o refrán, “xa non podo máis, quero rematar, todo o que foi, xa nunca será”, funciona como un mantra de ruptura definitiva.
‘Queimadura’ é así tanto ferida como proba de supervivencia: a cicatriz que queda tras estar demasiado tempo preto de quen non convén, pero tamén o sinal de que xa pasou. Agora toca bailar.
Tras cinco anos de composición e produción, Calllejo presenta con "Moscoso" un traballo formado por dez cancións que transitan entre a introspección e a enerxía, entre a contención e o estoupido. O álbum, producido xunto a Rotce (membro de Montedapena e Lontreira e produtor de Laura Lamontagne e Nuntia) e editado por Escoita, constrúe unha identidade sonora que bebe da electrónica e do pop contemporáneo sen perder unha raíz emocional moi presente.
O lanzamento do disco virá acompañado do seu debut en directo, que terá lugar o propio 23 de abril na Fábrica de Chocolate (Vigo), nun concerto de presentación no que Calllejo levará ao escenario a enerxía eléctrica do proxecto en formato banda. No escenario estará acompañado á batería por Ester Pérez, de The Dawlins.

