NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

OUR FEST 2026 avanza o seu cartel con The Jesus and Mary Chain e Triángulo de Amor Bizarro entre outros

Por Redacción NoSoloEsRuido
Imagen de la noticia

OUR FEST celebrarase o sábado 19 de setembro en Expourense. As entradas continúan dispoñibles en www.ourfest.gal cun prezo de 40 euros máis gastos de xestión.

OUR FEST avanza o cartel da súa quinta edición coa confirmación de The Jesus and Mary Chain, The Mystery Lights, Fat Dog, The Dream Syndicate, Triángulo de Amor Bizarro e Germán Salto. Seis propostas que recollen a identidade construída polo festival desde 2022 e debuxan un percorrido pola historia e o presente do rock alternativo, desde bandas decisivas das últimas catro décadas ata algunhas das voces máis persoais e estimulantes da escena actual. A cita será o sábado 19 de setembro en Expourense.

The Jesus and Mary Chain achegan o peso dunha banda esencial para entender a evolución do rock británico; The Mystery Lights, a enerxía máis física do garaxe punk e a psicodelia neoiorquina; e Fat Dog, a vertente máis explosiva e contemporánea do cartel. The Dream Syndicate amplían esa dimensión histórica desde o outro lado do Atlántico, mentres Triángulo de Amor Bizarro representan unha das traxectorias máis sólidas e persoais da escena galega. Germán Salto completa o percorrido desde outra forma de entender a música: a artesanía da canción, o pop orquestral, o power pop e a tradición americana.

OUR FEST chega ao seu quinto capítulo cunha identidade construída desde Ourense e unha programación coidada e singular dentro do circuíto alternativo, nunha edición que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo. O festival manterá o seu formato dunha única xornada e un recinto cuberto no que a música ocupa o centro da experiencia. Desde o seu nacemento, a cita traballa para incorporar a cidade ao mapa das grandes xiras e achegar a Galicia propostas nacionais e internacionais que non sempre atopan espazo nos circuítos habituais.

OUR FEST é tamén unha invitación a descubrir e vivir Ourense arredor da música, unha proposta que conta desde a súa primeira edición co apoio da Deputación de Ourense. Durante a fin de semana do festival, a cidade das Burgas convértese nun punto de encontro para público de Galicia, doutros lugares do Estado e do norte de Portugal. A programación abre así a porta a unha escapada na que os concertos conviven coa cultura termal, o patrimonio e a gastronomía dunha cidade que forma parte inseparable da identidade do festival.

Publicidad

Publicidad móvil