NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

Leticia Rey publica 'Abrente', o novo sinxelo de 'Danza luz', so seu videoclip nomeado aos premios Mestre Mateo

Por Redacción NoSoloEsRuido
Imagen de la noticia

“Abrente” expande o universo poético e sensorial de “Danza Luz”, un proxecto no que Leticia Rey traballa a emoción desde a sombra, o corpo e a claridade que chega despois. O videoclip, rodado no Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, e dirixido por Pablo Goluboff, está nomeado aos Premios Mestre Mateo, consolidando a dimensión audiovisual do proxecto.

Leticia Rey publica o single “Abrente” en plataformas dixitais, dando un novo paso na difusión do universo de “Danza Luz”. O disco, concibido e publicado originalmente só en formato físico, naceu como un obxecto artístico coidado ata o detalle; por iso, a chegada gradual das súas pezas ao espazo dixital funciona agora como unha apertura pausada, coherente e simbólica. A escolla do día tampouco é casual: todos os fitos de “Danza Luz”, desde o anuncio ata a saída do libreto, aconteceron nun día 17, unha cifra íntima que Leticia converteu en pequeno rito persoal.

“Abrente” é unha das cancións que mellor condensan o espírito do proxecto: a vulnerabilidade que busca sitio, a claridade que non se impón, e o corpo como ponte entre o que pesa e o que se ilumina. A canción medra desde o silencio e avanza coa mesma delicadeza coa que se esparexe a primeira luz do día, facendo do amencer unha emoción máis que unha imaxe. Ese diálogo entre sombra e claridade é tamén o fío que atravesa todo “Danza Luz”: un territorio emocional no que Leticia se move con honestidade e precisión.

Imagen intermedia

O videoclip de “Abrente”, rodado no Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, e dirixido por Pablo Goluboff, está nomeado aos Premios Mestre Mateo, un recoñecemento que confirma o peso da linguaxe visual dentro do proxecto. A peza non ilustra só a canción, senón que a prolonga: a luz filtrándose pola pedra, a quietude que antecede ao movemento e a cámara que se achega á artista desde unha intimidade chea de respiración crean un espazo onde música e imaxe comparten a mesma pulsación.

Nos últimos meses, “Danza Luz” foi tamén recoñecido polos medios especializados: o suplemento cultural Fugas incluíu o álbum entre os discos galegos do ano, e o portal Ábrete de Orellas destacou o proxecto na súa selección anual de 2025. Esta acollida crítica reforza o lugar de “Danza Luz” como unha das propostas máis persoais e consistentes da escena galega, unha obra que medra no directo e que atopou no formato físico un espazo de coidado e identidade.

Publicado exclusivamente en formato físico, é unha obra na que palabra, música, corpo, iluminación e vestiario dialogan como partes dun mesmo organismo. Cada directo, cada imaxe e cada xesto expanden esa arquitectura sensible que Leticia foi construíndo nos últimos anos. A chegada de “Abrente” ás plataformas non altera esa esencia: simplemente abre unha nova ventá para que a canción respire noutro lugar, mantendo intacta a coherencia estética do proxecto.

Publicidad

Publicidad móvil