NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

The Rapants lanza 'Non Sei Como', o primeiro avance do seu novo álbum 'Rapants Club'

Por Redacción NoSoloEsRuido
Imagen de la noticia

A banda está a piques de pendurar o cartel de ‘sold out’ para a presentación do novo álbum, que terá lugar o 28 de marzo no Multiusos do Sar

The Rapants publica "Non Sei Como", o primeiro sinxelo do seu novo disco, "Rapants Club". A peza, na que colabora Joe Crepúsculo, xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais e conta cun vídeo dirixido e producido por La Bellavista no que aparecen figuras recoñecidas do país.

"Non Sei Como" é a tarxeta de presentación do novo LP de The Rapants e dá boa conta de todo o que está por vir neste traballo discográfico: variedade estilística, guitarras frenéticas, retrousos memorables e un inmenso agradecemento a toda a comunidade que os acompañou até o día de hoxe. “Rapants Club é moito máis que un disco: é a nosa maneira de entender a vida, que é a través da música, e de agradecer ás nosas familias, fans e equipo todo o compartido nestes anos. Elas e eles son este club”, apuntan.

Neste primeiro avance, os rapantes deixa entrever os sucos polos que van navegar no álbum: en "Non Sei Como" predomina a música disco con carácter rock e toques de electrónica, conta cun retrouso 'pegadizo' desde a primeira escoita, a letra é fiel ao seu estilo e rende homenaxe ás referencias do grupo muradán, como é o caso de Joe Crepúsculo. O catalán colabora tanto cos sintetizadores coma cantando por primeira vez en galego. Aínda que o disco se gravou nos estudios La Mina (Granada) e Boavista (Madrid), o encontro produciuse este verán en El Náutico (San Vicente).  

 A primeira canción que se dá a coñecer deste "Rapants Club" conta, ademais, cun impresionante videoclip rodado o pasado decembro entre as localidades de Muros, Carnota, Negreira e Santiago de Compostela. Figuras como o futbolista Hugo Rama, os actores Miguel de Lira e Federico Pérez, as artistas Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño -o dúo Caamaño&Ameixeiras-, os cantantes 9Louro e Xián Pais, os creadores de contido Champimuros e Merce Totakeki ou mesmo o campeón de surf Guillermo Carracedo formaron parte desta singular peza audiovisual dirixida e producida por La Bellavista.

Entradas practicamente esgotadas para a presentación de "Rapants Club"

A estrea en directo do novo disco de The Rapants terá lugar o 28 de marzo no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela, cita para a que xa non quedan entradas tanto en pista coma en diversas gradas -que se esgotaron ás poucas horas de activar a venda .

A dous meses da celebración, unicamente quedan dispoñibles menos dun cento de billetes. A inauguración deste "Rapants Club", tal e como prevé a banda, será unha gran festa para a música en directo en Galicia.  

Publicidad

Publicidad móvil