Fillas de Cassandra presentará 'Tertúlia' o 9 de maio en Pontevedra
A estrea absoluta en directo do segundo LP de Sara Faro e María SOA terá lugar no recinto feiral pontevedrés e as entradas sairán á venda o 4 de febreiro
Fillas de Cassandra dará a coñecer en directo ‘Tertúlia’. o seu novo disco, nun concerto de presentación especial que terá lugar o sábado 9 de maio en Pontevedra. O recinto feiral da cidade do Lérez acollerá a estrea absoluta do novo espectáculo do dúo, que regresará aos grandes escenarios galegos após un ano de ausencia.
María SOA e Sara Faro publicarán ‘Tertúlia’ esta primavera. Neste novo álbum, producido por Çantamarta e as propias Fillas de Cassandra, o dúo expande a súa linguaxe creativa. As voces berradas e cantadas mestúranse nas pistas coa poética, coa música -cun especial protagonismo das bases electrónicas- e coas harmonías corais. Ritmos híbridos, xéneros e voces diversas conflúen nun álbum rabiosamente contemporáneo e feminista e que se presenta, ao público, como unha praza aberta, un lugar de reunión, de conflito e de celebración.
No concerto do 9 de maio, Fillas de Cassandra levará ‘Tertúlia’ ao directo. O dúo sentarse de sobremesa e sairá á fresca, como no primeiro sinxelo publicado o pasado venres 30: derrubará os resquicios da cuarta parede para dialogar e conversar co público, tanto enriba como debaixo do escenario. As e os asistentes á presentación poderán gozar tanto da nova posta en escena coma da instrumentación, ademais de volver, puntualmente, a algúns dos grandes éxitos das creadoras e da súa ‘Acrópole’.
As entradas para o evento, que conta co apoio do Concello de Pontevedra, sairán á venda o mércores, 4 de febreiro, a partir das 12.00 horas. O acceso ao recinto estará permitido a todos os públicos, mais é recomendable que as e os menores de 16 anos acudan acompañadas dunha persoa adulta responsable.

