NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

O Revenidas incorpora a Bob Vylan, Fillas de Cassandra e Narco ao seu cartel e estreará un escenario dedicado á ciencia

Por Diego Añon
Imagen de la noticia

O festival, que se celebrará do 10 ao 13 de setembro en Vilaxoán de Arousa, continúa completando a súa programación con once novas incorporacións e unha proposta pioneira de divulgación científica

O Festival Revenidas continúa dando forma á súa edición de 2026. A pouco máis de dous meses da súa celebración, a organización presentou un terceiro avance de cartel con once novas incorporacións que reforzan unha programación na que volverán convivir o punk, o rock, o mestizaxe, a música urbana e algunhas das propostas máis destacadas da escena galega e estatal.

Entre as novas confirmacións destacan o dúo británico Bob Vylan, que ofrecerá o seu único concerto en Galicia, Fillas de Cassandra, Narco, tamén na súa única actuación en Galicia este ano, ademais de De Ninghures, Dakidarría, Sons of Aguirre & Scila, Malifeta, Awakate, 9Louro, Matah e Queen Rendi. Varias destas actuacións serán exclusivas en Galicia, reforzando o carácter singular do cartel desta edición.

Estas incorporacións súmanse a artistas xa anunciados como Evaristo, El Drogas, The Rapants, La Gossa Sorda, Sara Hebe, Rebeliom do Inframundo, Kumbia Queers, The Salsa Punk Orkestra, Süne, Ilan Amores, Arrhythmia ou Nadie González, entre outros. A organización adiantou ademais que o cartel aínda non está pechado e que nos próximos días dará a coñecer novas confirmacións.

Pero a música non será a única protagonista do Revenidas. O festival anunciou tamén a creación do Escenario Ondas e Partículas, un espazo dedicado á divulgación científica que converterá ao Revenidas no primeiro festival de Galicia e no único da Península que incorpora este ano unha iniciativa destas características dentro do seu recinto.

O proxecto está promovido polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e da Xunta de Galicia, co apoio da Fundación de Ciencia e Sociedade do CERN e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT). 

Ao longo do festival, o escenario acollerá charlas, encontros e obradoiros gratuítos nos que participarán algúns dos divulgadores científicos máis coñecidos do panorama galego e estatal, entre eles Eduardo Sáenz de Cabezón, Verónica Bolón, Paula Desiré, José Edelstein e Adrián García, máis coñecido como El Físico Barbudo. Ademais, varios artistas do cartel tamén participarán nalgunhas das actividades programadas. 

O Festival Revenidas celebrarase do 10 ao 13 de setembro en Vilaxoán de Arousa, mantendo a súa aposta por combinar música, compromiso social e actividades culturais nun formato que o converteu nunha das citas máis singulares do calendario de festivais galegos. Cos abonos xa á venda e algunhas confirmacións aínda por anunciar, o evento entra na conta atrás dunha edición que volverá reunir milleiros de persoas na vila arousá. 

Publicidad

Publicidad móvil