NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

Glockenwise desvelan 'Guerra do Caulino', novo adianto do seu próximo disco

Por Redacción NoSoloEsRuido
Imagen de la noticia

A banda rock de Barcelos rompe tres anos de silencio discográfico e anuncia os primeiros concertos de presentación en Braga e Lisboa, nunha xira coa que visitará Galicia no outono

Glockenwise, unha das bandas máis salientables da escena rock portuguesa actual, publica "Guerra do Caulino", o segundo tema de adianto dun novo disco -sucedendo a "Vai dar", lanzado en xaneiro-, que marca o regreso da banda de Barcelos ao estudio, tres anos despois da edición de "Gótico Português", traballo que o público galego puido escoitar ao vivo en citas como os festivais Sinsal e Osa do Mar.

"Os nosos nacementos son contemporáneos da Guerra do Caulino, un conflito de intereses arredor dos terreos da explotación deste mineral e que envolveu, en protesta, os populares de Barqueiros, Barcelos. Esta coincidencia non ten particular relevancia, pero é un marcador cronolóxico cuxo significado ten matices que apenas se van revelando co paso do tempo", sinala a banda.

Imagen intermedia

O novo disco de Glockenwise chamarase "Vale tudo" para chegar a algum lado. Presentarase en outono en Braga (Theatro Circo, 10 de outubro), Lisboa (Culturgest, 16 de decembro) -cuxas entradas xa se atopan á venda - e tamén en Galicia.

Glockenwise é unha banda de Barcelos composta por Nuno Rodrigues (voz e guitarras), Rafael Ferreira (guitarras), Rui Fiusa (baixo) e Cláudio Tavares (bateria). Nos seus 15 anos de traxectoria, teñen actuado tanto nas principais citas do seu país coma en numerosos escenarios europeos.

Ás súas costas contan con cinco discos: "Building Waves" (2011), "Leeches" (2013), "Heat" (2015), "Plástico" (2018) e "Gótico Português" (2023). Neste 2026 publicarán o seu novo traballo discográfico da man do selo Vida Vã, creado pola propia banda no 2022. O álbum conta tamén co apoio do Fundo Cultural da Sociedade Portuguesa de Autores e da Fundação GDA.  

Publicidad

Publicidad móvil