NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

ABRIL presenta '2caras', novo adianto do seu álbum debut

Por Redacción NoSoloEsRuido
Imagen de la noticia

O grupo galego publica o segundo adianto do seu álbum debut, unha peza que fusiona a tradición de Fornelos de Montes con sonoridades actuais

"2caras" presenta unha temática arredor do escarnio, movéndose nun equilibrio entre o ácido e o cómico. A letra, escrita conxuntamente por ABRIL e Petra Iglesias, pon o foco nas relacións tóxicas, pero abordadas desde un punto de vista sanador e irónico. A canción convida a apartar esas dinámicas negativas e a miralas con distancia e humor.

Nesta ocasión, o son orgánico e evocador que define ao grupo amplíase coa incorporación de dous músicos de referencia na escena folk galega e catalá: Hugo Franco (guitarra) e Joana Gumí (banjo e voz). As súas aportacións, sumadas ao violín de Marina Carpente e á voz de Claudia Abril, tecen unha atmosfera onde a tradición galega e a sonoridade do banjo conviven con total naturalidade.

Imagen intermedia

A base melódica de "2caras" parte dunha recollida feita por Guillerme Ignacio en Fornelos de Montes (Pontevedra), grazas ás informantes Elisa e Lucila Limés Martínez, Ofelia Casqueiro Pérez, Consuelo Rodríguez Rivas, Almerinda Bouzón Fernández, Dolores García Lorenzo e a súa irmá Laura. ABRIL toma este legado para transformalo nunha peza de folk contemporáneo que é, ao mesmo tempo, memoria e vangarda.

Este novo tema reafirma a dirección do primeiro disco de ABRIL, que verá a luz esta primavera. Un traballo construído arredor da idea da "cabana" como lugar seguro e protección ante o paso do tempo.

Publicidad

Publicidad móvil