NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

Arrhythmia rompe o silencio con "CERØ", o novo EP da banda

Por Redacción NoSoloEsRuido
Imagen de la noticia

"CERØ" (Galunk Producións, 2026) verá a luz este venres, 13 de marzo. Arrhythmia presentará en directo "CERØ" en A Candeloria, o sábado 11 de abril

A banda galega Arrhythmia presenta este venres, 13 de marzo, o seu novo EP, "CERØ" (Galunk Producións, 2026) . Tras un ano de traballo intenso e meticuloso, o grupo abre, con este novo lanzamento, unha nova etapa con maior claridade de ideas, mantendo a enerxía e o discurso que definiron a súa traxectoria.

Desde Lugo, Arrhythmia leva anos convertendo o ruído en linguaxe. A súa música nace da fricción entre mundos: o metal e a electrónica, o rap e o rock, a forza e o detalle. En galego e sen filtros, constrúe cancións que son descarga e reflexión ao mesmo tempo.

Recoñecida cos Premios Martín Códax da Música —en 2018 como Mellor Banda de Metal Galego e en 2023 como Mellor Banda Heavy e Metal—, a banda soubo erguer un son propio: ás veces brutal, ás veces hipnótico, sempre honesto.  

 Durante un tempo, o escenario gardou silencio, pero a troupe lucense non. Arrhythmia pasou o último ano pechada no estudo, construíndo un novo capítulo con calma, forza e claridade de ideas. Lonxe de desaparecer, decidiron parar o ruído exterior para escoitarse a si mesmos.

 O resultado: esta nova etapa da banda alternativa galega que mantén a enerxía e o discurso que sempre a definiu, pero cun son máis afinado e unha identidade aínda máis sólida. A evolución vese agora reflectida neste novo EP, "CERØ" (Galunk Producións, 2026).

Con este novo traballo, Arrhythmia amosa de novo que non volve, porque en realidade nunca marchou; simplemente, estaba collendo aire para volver golpear con máis forza. O EP, composto por cinco temas ­–"Insaciables" ft. Rebeliom do Inframundo, "MesIAs", "Amnesia", "Agonía" ft. Grande Amore e "Euforia"–, chega con introspección e crítica en equilibrio: cancións que combinan emoción persoal e mirada social. "CERØ" propón máis experimentación sonora: do metal alternativo e o metalcore a novas texturas electrónicas e matices pop.  

Sobre este novo mini álbum, Alberto Busto, vocalista de Arrhythmia, explica: “estivemos gravando, de feito, dun xeito bastante meticuloso e, por primeira vez na nosa carreira, con moita calma e intentando que quedase ao 100% ao noso gusto. O proceso foi tan importante como o resultado. Tomámonos o último ano para facelo e fixemos unha selección de cancións que pensamos que representan o momento actual da banda e quedamos moi contentos. Gústanos moito e esperamos que ao público e aos medios tamén vos guste”.  

Busto apunta, tamén: “En CERØ, Arrhythmia mantén a súa esencia, pero permítese explorar novos matices. En canto ao estilo, mantemos a esencia do noso grupo, que é facer música cañeira entre o metal alternativo, o metalcore e, que antes tamén mesturabamos con electrónica, con música de rap, e aquí fomos un pouco máis arriscados, experimentando un pouco máis, se cadra, coas músicas electrónicas, con melodías un pouco máis pop, pero sen perder a nosa esencia. Esperamos que sorprenda, que soe fresco, como é a nosa intención.
No plano temático, o EP percorre distintos estados emocionais e perspectivas críticas. En canto ás temáticas, hai temas cunha vertente máis introspectiva e persoal, como poden ser Amnesia, por exemplo, ou Agonía; e temos temas que poden mesturar unha vertente máis persoal cunha vertente un pouco máis de crítica, como pode ser Euforia, ou temas moito máis críticos como Insaciables ou MesIAs
”.  

 Con este novo lanzamento, a banda encara tamén o regreso aos escenarios e anuncia a primeira data da súa xira de presentación do EP para o sábado 11 de abril dentro do Festival A Candeloria, coas entradas xa dispoñibles . “En xeral, cremos que hai un pouco de todo neste EP e temos moitas ganas de presentalo, de comezar a tocar en directo”, matiza Busto. Con "CERØ", Arrhythmia reafirma a súa identidade e abre un novo capítulo creativo, fiel ao seu propósito de poñerlle alma á distorsión e sentido ao caos.

Publicidad

Publicidad móvil