NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

Dezasete Ribeira Sacra anuncia o seu cartel por días

Por Redacción NoSoloEsRuido
Imagen de la noticia

A programación completarase cunha proposta gastronómica de primeiro nivel e cunha serie de Experiencias de capacidade reducida polo territorio, como os Momentos Alhambra a bordo dun catamarán polo río Sil.

Dezaseteº Ribeira Sacra xa distribuíu por días a programación musical da súa 10 edición, que se celebrará do 24 ao 26 de xullo en distintos enclaves da Ribeira Sacra lucense. The Divine Comedy, Sidonie, Baiuca, Anni B Sweet e Puño Dragón encabezan un cartel que volverá unir música en directo, patrimonio, paisaxe e identidade nunha proposta concibida para gozar da Ribeira Sacra desde dentro.

O anuncio chega, ademais, nun momento especialmente relevante para o festival, que vén de ser distinguido nos Iberian Festival Awards 2026 cos galardóns a Best Small Festival -por quinto ano consecutivo- e Best Touristic Promotion. Un dobre recoñecemento que consolida a Dezaseteº Ribeira Sacra como o evento cultural con maior proxección internacional da Ribeira Sacra.

A programación arrancará o venres 24 de xullo no Escenario Concertos do Xacobeo de Bodegas Regina Viarum, en Sober, con tres propostas de gran personalidade: Baiuca, Anni B Sweet e Mariagrep & Mundo Prestigio. Será a primeira gran noite dunha edición que volve combinar artistas consolidados e proxectos singulares nunha contorna de extraordinario valor paisaxístico.

O sábado 25 de xullo desenvolverase en dúas localizacións. O Santuario de Nosa Señora de Cadeiras, en Sober, acollerá a actuación de Los Invaders no Escenario Alhambra, no marco da segunda edición do Mercado Gastro(Arte)Sano. De acceso libre, esta proposta preséntase como un espazo de encontro entre música e gastronomía da man de produtoras e produtores locais e adegas, cunha programación que se dará a coñecer proximamente.

Xa pola tarde e a noite, o festival regresará ao Escenario Concertos do Xacobeo de Bodegas Regina Viarum, onde terá lugar unha das citas centrais desta edición con The Divine Comedy, Sidonie e Puño Dragón, tres nomes que reforzan o carácter especial do décimo aniversario. 

 A última xornada celebrarase o domingo 26 de xullo no Escenario Alhambra da Praza do Cantón, en Chantada, onde Vera Fauna ofrecerá un concerto de acceso libre que porá o broche final a unha edición chamada a converter de novo a Ribeira Sacra nun punto de encontro entre cultura contemporánea e paisaxe.

EXPERIENCIAS E GASTRONOMÍA PARA COMPLETAR O 10 ANIVERSARIO 

 Como é habitual e como un dos seus principais sinais de identidade, Dezaseteº Ribeira Sacra completará o cartel musical cunha programación de experiencias especialmente coidada. A edición deste ano incluirá propostas novidosas, entre elas os Momentos Alhambra a bordo dun catamarán ou en espazos singulares como algúns dos mellores miradoiros da Ribeira Sacra. Deste xeito, o festival amplía a súa proposta máis alá dos escenarios e ofrece novas formas de descubrir o destino, a través doutros ritmos, doutros tempos e doutras perspectivas.

En paralelo, reforzará tamén unha oferta gastronómica de gran nivel, coa que o público poderá achegarse aos sabores do territorio tanto da man de pequenas produtoras e produtores locais como de recoñecidos chefs. Todo isto conformará unha programación culinaria integrada no universo do festival e pensada para seguir facendo da experiencia Dezaseteº unha vivencia completa. 

Publicidad

Publicidad móvil