‘Regueifa Maldita’, o desafío verbal feito música creado por De Ninghures e Galician Army
“Botade a regueifa fóra, non deixedes de berrar”, canta De Ninghures nunha peza descarada, irónica e intensa na que a banda de multiinstrumentistas e Galician Army comparten a regueifa en amor e compañía
De Ninghures e Galician Army lanzan un desafío na súa primeira colaboración para dar unha nova volta ás músicas de raíz, atrévendose a mesturar o drum and bass dos 90 con tonadas e melodías tradicionais. Xa está dispoñible ‘Regueifa Maldita’, un duelo verbal feito música, onde cada barra é un golpe e cada retrouso queda gravado pero onde, como nas regueifas de antes, o combate queda no camarín.
‘Regueifa Maldita’ é unha peza que toma como referencia unha das prácticas populares máis coñecidas do país: a regueifa, un desafío dialéctico improvisado. O tema nace, precisamente, dunha melodía concreta: unha tonada de regueifa recollida nunha gravación feita a Consuelo Vázquez, a Queixeira de Verdillo (Carballo). Esa voz e esa cadencia tradicional convértense no punto de partida dunha canción que leva esa herdanza a un son contemporáneo, e á que se suma tamén unha melodía do gaiteiro fonsagradino Marentes.
Tal e como explica De Ninghures, a regueifa era o pan doce das celebracións —especialmente das vodas— que os noivos repartían entre os convidados como símbolo de festa e comunidade. “Nas vodas, mentres dentro se repartía a regueifa, os que quedaban fóra pedían participar: ‘botade a regueifa fóra’. Se non llo permitían, desafiaban aos de dentro con versos improvisados: “botade cantos de dentro’. Así comezaban estes combates dialécticos cantados para defender a honra da casa. Se os de fóra gañaban o duelo, tiñan tamén o dereito a entrar e compartir o pan co resto”.
No videoclip que acompaña o tema, a regueifa aparece no seu camarín adornado, símbolo desa tradición e dese desafío. Mentres que De Ninghures a defende, o camarín acaba saltando polos aires nun momento tan inesperado como simbólico: a tradición estala para transformarse. Esta primeira colaboración entre a banda de multiinstrumentistas e Galician Army é descarada, irónica e intensa, pero ambas formacións comparten a regueifa “en amor e compañía”, lembrando que estas batallas sempre foron máis festa ca guerra.

