O músico vigués Calllejo publica 'Moscoso', o seu álbum debut
Tras dous adiantos no mes de abril, 'Déixame bailar (Queimadura)' e 'Quen gañou?', este segundo coa colaboración de Lontreira, Calllejo publicou o seu primeiro álbum en solitario, 'Moscoso'.
"Moscoso" e un traballo que se move entre a electrónica, o indie e o pop, definindo un estilo propio no que conviven a pulsión rítmica e a intensidade expresiva.
Tras cinco anos de composición e produción, o músico vigués Adrián Callejo presenta un traballo formado por dez cancións que transitan entre a introspección e a enerxía, entre a contención e o estoupido. O álbum, producido xunto a Rotce (membro de Montedapena e Lontreira e produtor de Laura Lamontagne e Nuntia) e editado por Escoita, constrúe unha identidade sonora que bebe da electrónica e do pop contemporáneo sen perder unha raíz emocional moi presente.
O lanzamento do disco viu acompañado o mesmo día do seu debut en directo. Calllejo presentou todos os temas de Moscoso (máis unha versión de La Casa Azul) en La Fábrica de Chocolate (Vigo) ante un público numeroso, o que demostra o interese espertado pola nova andadura do artista vigués. Sobre o escenario estivo acompañado á batería por Ester Pérez, de The Dawlins.
Calllejo é o proxecto en solitario de Adrián Callejo Moscoso (Vigo, 1993). Multinstrumentista (baixo, guitarra, teclado e voz) e produtor, constrúe un son entre a electrónica, o indie e o pop, cantando en galego e castelán. Adrián liderou Nítido, grupo de pop rock con ecos dos 70 co que xirou por Galiza. Cando a pandemia impediu xuntarse cos seus para tocar, optou pola electrónica para compoñer e producir en solitario.

