NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

Fillas de Cassandra presenta ao vivo ‘Tertúlia’, o seu novo traballo discográfico

Por Redacción NoSoloEsRuido
Imagen de la noticia

O Recinto Feiral de Pontevedra acolle este sábado, 9 de maio, a partir das 22.00 horas, a estrea do segundo LP do dúo vigués. Caamaño & Ameixeiras, Çantamarta, Ede, Pipiolas, un quinteto da Agrupación Musical do Rosal e Zetak subirán ao escenario pontevedrés; mentres que a DJ Rapante amenizará a entrada do público

Fillas de Cassandra abrirá este sábado, 9 de maio, as portas á gran ‘Tertúlia’. María SOA e Sara Faro presentarán ao vivo o seu novo álbum, publicado o pasado 24 de abril, no Recinto Feiral de Pontevedra. As entradas para a cita, que comezará ás 22.00 horas, están á venda en Woutick.

O dúo vigués, acompañado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do concelleiro de Cultura da localidade, Demetrio Gómez, deu a coñecer esta mañá os detalles dun evento que porá o poder da palabra e do diálogo no centro. Collendo o relato do seu novo traballo, Fillas de Cassandra transformarán o Recinto Feiral de Pontevedra nunha gran praza para a conversa. A intención non é outra que trasladar, tanto desde a escenografía como desde o movemento e, moi especialmente, a música, un convite “a desobedecer” para poñer o foco nos afectos, nas liberdades, nas amizades, na xustiza social e no encontro.

Imagen intermedia

Fillas de Cassandra estrearán o seu novo directo acompañadas doutras artistas recoñecidas do panorama galego e estatal, como son Caamaño & Ameixeiras, Çantamarta (coprodutores de ‘Tertúlia’), Ede, Pipiolas, un quinteto da Agrupación Musical do Rosal e o navarro Zetak. No Recinto Feiral de Pontevedra escoitaranse por primeira vez a ducia de temas que conforman a ‘Tertúlia’, mais tamén algúns dos seus grandes éxitos revisitados e actualizados.

 O Recinto Feiral de Pontevedra abrirá as súas portas ás 20:00 horas e , desde as 20.30h, a viguesa DJ Rapante (Paula Somoza) amenizará o acceso do público. A partir das 22.00h, Fillas de Cassandra ofrecerá un poderoso e enérxico directo dunha hora e media de duración que contará coa complicidade de Icía Varela (percusións e voces), Elena Domínguez (percusións, voces e violoncello), e Vicky González na batería. A banda, cunha escenografía do colectivo As dúas e punto e baixo a dirección de movemento de Daniel Rodríguez, arrancará este sábado unha xira que as levará a visitar numerosas prazas e festivais de todo o territorio estatal.

O segundo LP de Fillas de Cassandra, producido polas propias María SOA e Sara Faro con Çantamarta, supón un paso firme na evolución artística das viguesas, que expanden o seu universo sonoro. A electrónica -desde os ritmos rotos ao ambient- convértese na linguaxe protagonista dun álbum que se articula arredor de doce temas nos que colaboran nomes como Abraham Cupeiro, Ede, Pipiolas e Zetak.

O traballo, publicado o pasado 24 de abril, xa está dispoñible tanto en plataformas dixitais coma en tendas físicas. A boa acollida inicial do vinilo situou ‘Tertúlia’ (Altafonte, 2026) entre os 30 discos máis vendidos en España estas semanas. Durante o concerto de presentación habilitarase un espazo no que será posible adquirir tanto o disco coma o novo merchandising de Fillas de Cassandra.  

Publicidad

Publicidad móvil