Fillas de Cassandra conquistan as grandes prazas e dan o salto á sala La Riviera
Após o éxito da estrea de ‘Tertúlia’ ante máis de dúas mil persoas en Pontevedra, o dúo vigués confirma a súa data máis ambiciosa en Madrid para o 6 de novembro. A banda anuncia as primeiras datas dunha xira internacional que as levará a actuar en Sabadell, Xixón, Praga, Mozambique, Portugal ou Xaén, entre outros escenarios
Após a transformación do Recinto Feiral de Pontevedra nunha inmensa praza pública, para presentar ante máis de dúas mil persoas o seu aclamado segundo disco, ‘Tertúlia’, Fillas de Cassandra miran cara ao vindeiro outono co seu reto máis ambicioso ata o de agora. María SOA e Sara Faro actuarán o vindeiro 6 de novembro na prestixiosa sala La Riviera de Madrid, consolidando un salto cualitativo para a música en galego na capital estatal.
A relación de Fillas de Cassandra co público madrileño reflicte unha progresión imparable que moi poucos proxectos do país logran acadar: encheron a sala Siroco en 2023, colgaron o cartel de 'non hai billetes' na Sala El Sol en 2024, abarrotaron o Ochoymedio (Sala But) en 2025 e agora dan o salto ao templo dos grandes directos, La Riviera. Alí despregarán o potencial de ‘Tertúlia’, un álbum (coproducido xunto a Çantamarta) que na súa primeira semana xa se situou no Top 30 dos vinilos máis vendidos de España segundo Promusicae.
Deste xeito, as viguesas regresan a Madrid para ofrecer o seu espectáculo máis enérxico e ambicioso até o momento, unha ‘Tertúlia’ que o pasado sábado 9 de maio conquistou a público e crítica en Pontevedra pola súa calidade musical e posta en escena.
Unha xira global: de Galicia a Mozambique pasando por Sabadell
O anuncio da presentación de ‘Tertúlia’ en La Riviera coincide co inicio dunha xira internacional que referenda o magnetismo transfronteirizo do dúo vigués. Nas vindeiras semanas, Fillas de Cassandra levarán a súa electrónica de vangarda e o seu potente discurso de encontro a través da palabra por festivais de todo o Estado e por escenarios de África e Europa. Así, após a estrea no Recinto Feiral de Pontevedra, as vindeiras paradas de Fillas de Cassandra son o Festival Embassat (Sabadell), Vibra Mahou (Xixón), Iberian Waves (Praga), Bushfire (Maputo), Festival N2 (Chaves), Portamérica (Portas) e Etnosur (Xaén).
PRIMEIRAS DATAS DA XIRA INTERNACIONAL ‘TERTÚLIA’
15 de maio. Festival Embassat (Sabadell)
16 de maio. Vibra Mahou (Xixón)
21 de maio. Iberian Waves (Praga, República Checa)
28 ao 31 de maio. Bushfire (Maputo, Mozambique)
27 de xuño. Festival N2 (Chaves, Portugal)
9 de xullo. Portamérica (Portas)
16 de xullo. Etnosur (Xaén)
6 de novembro. Sala La Riviera (Madrid)

