Lode versiona o seu éxito "Malo Será" para dar folgos ao Depor na súa andaina cara primeira división
O artista naronés LODE versiona o seu tema "Malo Será" para dar forma a Malo Será (Forza Depor), un cántico de apoio ao Deportivo da Coruña ante o seu posible ascenso a Primeira División. Nunha clara reivindicación do famoso termo galego e da filosofía de vida que o envolve, o artista trata de dar folgos ao seu equipo.
Dende que se comezou a xestar a canción o artista tiña claro que buscaba un himno que o representara, e esta expresión tan galega, que representa que, aínda que existan problemas no día a día seguimos cara adiante confiando en que seguro que todo mellorará, era a indicada para a historia recente do equipo coruñés. Tras o seu paso por 1º RFEF e o seu periplo en Segunda División, este cántico colle aínda máis forza e sentido.
Para a canción orixinal da que sae esta versión, LODE quixo contar con partes musicais que representaran ben a Galicia, e para iso quixo subir ao barco a un dos percusionistas tradicionais máis respectados e importantes do territorio, Xosé Lois Romero, peza fundamental de proxectos como Baiuca ou Xosé Lois Romero & Aliboria. Segundo palabras do propio artista “Colaborar con Xosé Lois Romero foi unha marabilla, foi súper divertido. Queriamos deixarlle toda a liberdade posible, e foi sacando trebellos seus que se adaptaban á perfección aos ritmos que queriamos introducir na canción”.
LODE defende que "Malo será", dende o momento que se confeccionou, estaba chamado a soar nun estadio, e onde mellor que no estadio de Riazor. O artista naronés sentía que merecía estar adicado á afección do Depor, que nunca abandonou ao seu equipo aínda que a situación deportiva fose moi complicada. "Malo Será (Forza Depor)" ten a identidade e carácter do equipo, pero sobre todo dos seareiros, aos que desexa que se sintan identificados con este tema. Unha das grandes ambicións do cantante é poder interpretar o tema en Riazor, así como que a bancada branquiazul poida facelo seu.

