-
NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

Os Premios Martín Códax xa teñen finalistas: arranca a conta atrás para a gran gala en Pontevedra

Por Redacción NoSoloEsRuido
Imagen de la noticia

Despois de moito agardar, xa sabemos que 57 proxectos optarán aos galardóns o vindeiro 27 de maio no Pazo da Cultura.

A cousa vaise poñendo seria. Esta semana as Bodegas Martín Códax foron o escenario escollido para dar a coñecer os finalistas desta 13 edición dos premios, nun acto onde se xuntaron músicos, xestores e as institucións que botan unha man neste lío organizado por Músicas ao Vivo. Despois dunha primeira criba feita por un xurado de expertos (onde estiveron xente como María Domínguez, Rumia ou Luis Pardo), xa temos sobre a mesa os nomes que aspiran a levar o "melro" a casa.

En total son 15 categorías musicais, ademais dos premios Organistrum e o de Artista Emerxente, as que resumen o bo momento que vive a música en Galicia. Hai de todo: desde o metal de Talesien ou Urko, ata o pop de Nadadora e Montedapena, pasando por propostas urbanas como Hugo Guezeta ou o folk de Alana. É unha pasada ver como se mesturan bandas xa consagradas con proxectos que están empezando a dar que falar agora mesmo, como Lula Mora ou Apolo18.

Imagen intermedia

Pero ollo, que agora ven a parte onde entras ti. A partir do   7 de maio, ábrese o prazo de votacións. O sistema é sinxelo: o voto do público e o dos socios de Músicas ao Vivo conta un 50% cada un para decidir quen gaña. Tes ata o 24 de maio para entrar na súa web e darlles o teu apoio aos teus favoritos.

A resolución final saberémola o 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra, nunha gala que promete ser a gran festa do sector. Se non podes ir, que saibas que se poderá seguir en directo pola plataforma agalega.gal ou no YouTube de Músicas ao Vivo. Xa non hai escusa para non estar ao tanto do que se coce na nosa música.

Votacións: Do 7 ao 24 de maio.
A gran gala: 27 de maio en Pontevedra.

Publicidad

Publicidad móvil