NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

Rebeliom do Inframundo desembarca na Sala Capitol para presentar en directo o seu novo disco, 'ORGULHO'

Por Redacción NoSoloEsRuido
Imagen de la noticia

A cita será este venres 8 de maio, a partir das 20.00 horas, coas todas as entradas esgotadas, no que será o único concerto que esta banda pioneira do rap galego ofreza en recinto pechado en Galicia deste novo LP

Rebeliom do Inframundo desembarca na Sala Capitol esta fin de semana para presentar en directo o seu novo disco, "ORGULHO". A cita será este venres 8 de maio, a partir das 20.00 horas, coas todas as entradas esgotadas, no que será o único concerto que esta banda pioneira do rap galego ofreza en recinto pechado en Galicia deste novo LP.

"Orgulho" (Galunk Producións, 2026) é un manifesto de identidade, clase e memoria, un álbum que se sumerxe nunha viaxe sonora con raíz e terra. Antes de visitar Galicia, a xira ‘Orgulho’ arrincou con forza en Barcelona (6 de marzo), Bilbao (28 de marzo) e Madrid (18 de abril). Sobre o escenario da Sala Capitol este venres non faltarán as colaboracións de Hard GZ, Kaze, Wöyza e Iria Medraño, mentres que Nadie González fará um showcase para abrir o evento.

"Orgulho" non é só un título: é unha declaración política e vital. “É un traballo consciente e autocrítico, un traballo persoal que segue tendo a nosa raíz, a nosa forza e a nosa potencia, pero tamén a madurez e a calma necesarias nestes tempos convulsos”, así o explica Nervo, membro da banda.  

Para Rebeliom do Inframundo, foron moitos anos de esforzo, e ninguén lles puxo nada nas mans. Este é xa o quinto disco da banda, e ter chegado ata aquí é o resultado de algo moi sinxelo e moi difícil ao mesmo tempo: traballo, constancia e fidelidade ao que son. Non hai atallos. Só horas, compromiso e a convicción de seguir adiante. “E iso, claro, fainos sentir profundamente orgullosos. Orgullosos da nosa maneira de entender a vida, da xente que camiña ao noso lado, da contorna que nos formou. Orgullo colectivo, orgullo de clase, orgullo de país… e tamén un orgullo íntimo, persoal, de saber que non traizoamos as nosas raíces”.  

Este disco non é só música: “Orgulho é un disco de raíz, cheo de rabia, paixón, tradición e respecto por un mesmo e polas nosas devanceiras. O dedo que aperta o gatillo, a bala que impacta no peito, a flor do toxo no cumio do Monte do Facho”.  

Nun tempo no que o individualismo parece impoñerse e as oportunidades estréitanse, cremos que é fundamental reivindicar o orgullo de pertencer a unha terra, a unha historia, a unha memoria compartida. O orgullo das nosas avoas e bisavoas, que resistiron unha guerra civil e ergueron o futuro coas súas propias mans. O orgullo de ser quen somos”.  

Musicalmente, "Orgulho" (Galunk Producións, 2026) mantén a esencia da banda e reforza o seu vínculo coa tradición: é quizais o seu traballo máis vertixinoso, o que se vive como unha viaxe continua, sen descanso. “Volvemos abrazar os cantos populares, e neste disco latexan con máis forza ca nunca. Hai raíz, hai terra, hai herdanza. Por iso o orgullo non é só un concepto: é o fío condutor de todo o álbum”. O resultado é un LP cohesionado, directo e pensado tanto para a escoita completa como para o directo, onde a enerxía do grupo atopa a súa máxima expresión.  

Publicidad

Publicidad móvil