Guadi Galego regresa ás distancias curtas con catro concertos íntimos en Santiago e Ourense
A artista galega presenta o espectáculo 'Oníricos e outros delirios' en formato trío para reivindicar a proximidade do directo nas salas de pequeno aforo
Guadi Galego volverá aos escenarios de pequeno formato coa proposta "Oníricos e outros delirios", unha serie de catro concertos exclusivos concibidos para recuperar a proximidade e a conexión directa co público. A cantante e compositora ofrecerá unha experiencia de aforo moi reducido na que abordará en directo as cancións do seu último traballo discográfico, "Pélago". "Contos oníricos", xunto a unha selección dos seus temas máis representativos e composicións que nunca antes interpretou sobre as táboas. A cita terá lugar o 13 e 14 de novembro de 2026 no Café Cultural Auriense de Ourense e o 3 e 4 de decembro de 2026 na Sala Riquela de Santiago de Compostela.
O proxecto xorde da necesidade da artista de reivindicar a orixe da creación musical e a verdade do directo, afastándose das dinámicas de consumo acelerado que imperan na industria actual. Para dar forma a este espectáculo acústico e envolvente, Guadi Galego estará acompañada en escena por Vic Moliner —produtor dos seus últimos traballos— ao baixo e sintetizadores, e por Iago Carro na batería, mentres que a propia cantante asumirá a voz e o piano. A elección das localizacións responde ao vínculo persoal da intérprete con dous espazos fundamentais na súa traxectoria: a cidade de Santiago de Compostela e o Café Auriense de Ourense, escenario clave en distintos momentos da súa carreira.
Esta xira de salas consolida o percurso duns dos nomes fundamentais da música galega contemporánea. Tras a súa etapa como integrante histórica de Berrogüetto e a súa participación en proxectos colectivos como Nordestin@s ou aCadaCanto, a traxectoria en solitario de Guadi Galego atesoura recoñecementos como o Premio da Crítica de Galicia, varios Premios Martín Códax da Música, o Premio á Promoción da Realidade Pluriligüe do Estado e o Premio Rebulir da Cultura Galega. Con Oníricos e outros delirios, a creadora propón un reencontro espido e sen artificios coa súa comunidade de oíntes.

