Sanny presenta os seus novos temas na Casa de Arriba de Vigo xunto á banda estremeña Lluvia
A cantautora viguesa actuará en formato banda este venres 23 de outubro xunto á formación de Badaxoz
A cantautora viguesa Sanny (nome artístico de Sandra Gómez) regresa este venres 23 de outubro de 2026 aos escenarios da súa cidade natal cunha actuación na mítica sala Casa de Arriba a partir das 21:00 horas. A compositora presentará un repertorio que combina cancións do seu primeiro traballo, o EP "Loners Downtown" (2019), con novas composicións recentes entre as que se atópan os cortes "25", "Bird in a Cage" ou "Grape Juice".
Nesta ocasión, a artista ofrecerá a súa proposta de folk, country e indie-rock norteamericano acompañada pola súa banda habitual, integrada por Anxo Paz á batería, Bruno Costas ao baixo e Denis Carballás á guitarra. Tras percorrer diversos escenarios da xeografía galega, Portugal e Italia, e despois do seu concerto no ciclo de Villa Solita, Sanny volta a un dos espazos máis íntimos da escena viguesa, onde ten actuado de xeito continuado ao longo da súa traxectoria.
A velada contará ademais coa participación da formación estremeña Lluvia, banda orixinaria de Badaxoz composta por Julia Peña (voz e guitarra), Tacho Sánchez (batería), Juan Peña (teclados) e Pedro Fernández (guitarra eléctrica e trompeta). O cuarteto desembarca en Vigo para presentar o seu recente EP "Stuck in this Loop", no que exploran unha sonoridade que abraza o indie folk atmosférico, as harmonías de influencias jazzísticas, o trip-hop e os ritmos lo-fi.

