A xira 'Plutón' de CHICA SOBRESALTO, pasará polas Pontes no outono

Maialen Gurbindo é Chica Sobresalto, un alter ego co que a artista decidiu revolucionar o panorama musical dos últimos anos.

24/06/2024 Diego Añon

Maialen Gurbindo é Chica Sobresalto, un alter ego co que a artista decidiu revolucionar o panorama musical dos últimos anos. O concerto será o 19 de outubro ás 20:00h no Auditorio Municipal Alovi das Pontes de García Rodriguez.

 Unha capa e un traxe de superheroína acompañaron a Maialen Gurbindo cada vez que se subiu a un escenario desde que deu vida a Chica Sobresalto. Un traxe co que aínda que non loitou por manter a orde e a xustiza contra os viláns, si conseguiu salvar a miles de seguidores a través das súas cancións. Tras o seu paso por OT e cunha pandemia por medio, Chica Sobresalto publicou o seu segundo disco aínda que para moita xente era o primeiro co que se daba a coñecer. “Sinapsis” (O Dromedario Récords, 2021) levábase xestando case catro anos cando se publicou e colocouse no número 1 de vendas na semana de lanzamento. Cancións como ‘Fusión del núcleo’, ‘Oxitocina’ ou ‘Selección natural’ convertéronse en himnos nos concertos que ofreceu ao longo dos últimos anos por todo o país. En maio de 2023 lanza ‘Oráculo’, o terceiro álbum da carreira de Chica Sobresalto. Un disco que nace da liberdade compositiva que experimenta Maialen Gurbindo cando se desposúe de todo o que hai ao redor, sen ter que render contas ante ninguén, nin sequera ante ela mesma. O alter ego que está detrás da composición de ‘Oráculo’ é capaz de predicir os procesos que a propia Maialen vai vivir máis adiante. Só que ela aínda non é capaz de asumilos ou entendelos. Por eso o título de ‘Oráculo’.