Fillas de Cassandra levará a súa xira ‘Últimas Dionisíacas’ a Marrocos.

Sara Faro e María SOA actuarán, da man do Instituto Cervantes e AIE, en Tánxer, Tetuán, Fez, Casablanca e Marrakech do 24 ao 29 de xuño. O dúo tamén forma parte do cartel do Poborina Folk, en Teruel, onde estará o 21 de xuño, mentres que o día 22 participará no VESU Festival de Oviedo

17/06/2024 Diego Añon

Fillas de Cassandra levará a súa xira Últimas Dionisíacas a Marrocos este mes de xuño. O dúo conformado polas viguesas María SOA e Sara Faro visitará, do 24 ao 29 de xuño, as localidades de Tánxer, Tetuán, Fez, Casablanca e Marrakech da man do Instituto Cervantes, a través do seu programa musical Cervantes en ruta, e da AIE (Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes) por medio da iniciativa AIEEnRuta - Artistas. 

Tras estrear o pasado 16 de febreiro en Vigo o seu novo directo, no que Fillas de Cassandra revisa desde unha electrónica máis potente e escura o seu álbum Acrópole, e visitar desde entón numerosos recintos, salas e festivais de todo o territorio peninsular, as creadoras de éxitos como Lisístrata (Varre vasoira) ou Tataravoa visitarán por vez Marrocos. Antes, o venres 21, serán cabeza de cartel no festival Poborina Folk, na provincia de Teruel, e ao día seguinte, o sábado 22, compartirán escenario con figuras como Xoel López ou Carlos Ares no VESU Festival ovetense. 

Así, o día de San Xoán (24 de xuño), Sara Faro e María SOA, acompañadas de Marina Vidal e Tania Caamaño -xuntas, as catro, conforman a banda destas Últimas Dionisíacas-, iniciarán a xira en Tánxer, onde actuarán no exterior do Colexio Español Ramón y Cajal. O martes 25 visitarán Tetuán, concretamente o campo de fútbol de La Corniche (Martil) e, dous días despois, trasladaranse a Fez para levar o seu directo até o Colexio Francés Jean de la Fontaine. Xa o día 28, o patio do Instituto Cervantes de Casablanca acollerá a proposta musical galega e, finalmente, o 29 de xuño pecharase a xira en Marrakech, cun concerto na Escola Superior de Artes Visuais. 

Vindeiras datas confirmadas das Últimas Dionisíacas 

21 de xuño. Teruel. Poborina Folk. 

22 de xuño. Oviedo. VESU Festival. 

24 ao 29 de xuño. Marrocos. Varias localidades. 

6 de xullo. Santiago de Compostela. Gozo Fest. 

11 ao 14 de xullo. Ortigueira. Festival de Ortigueira. 

25 ao 27 de xullo. Vilanova i la Geltrú. El Tingladu. 

2 de agosto. Bueu. SonRías Baixas. 

17 de agosto. Pontevedra. Festas da Peregrina. 

23 ao 25 de agosto. Boimorto. Festival de la Luz. 

30 de agosto. Pantón. 13 Roeis Fest. 

12 ao 14 de setembro. Vilaxoán. Festival Revenidas