Sabela presenta a súa xira por salas galegas baixo o nome de "Hi, My Love Part".

A artista de Ourol percorrerá Galicia a finais deste ano e comezos do 2025 cunha xira que xa conquistou algunha das grandes cidades de España.

Merca a tua entrada eiquí.
23/06/2024 Diego Añon

A gran xira de Sabela tocará terras galegas a finais deste ano e comezos do seguinte. Baixo o nome de “Hi, My Love Part”, Sabela fará un percorrido por 10 salas e 2 festivais nos que presentará o seu novo son e a súa nova música, pertencente ao EP que espera publicar a finais deste mesmo ano. A xira por salas galegas terá comezo na sala Ruído (Ferrol, 28 de setembro), e pasará pola sala Masterclub (Vigo, 12 de outubro), a sala Riquela (Santiago de Compostela, 25 de outubro), a sala Clavicémbalo (Lugo, 26 de outubro), o Pub Gatos (Melide, 9 de novembro), a sala Auriense (Ourense, 30 de novembro), a sala A Arca da Noe (Vilar de Santos, 1 de decembro), a sala A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro, 1 de febreiro de 2025) e a sala Garufa Club (A Coruña, 8 de febreiro de 2025). Estas datas súmanse aos concertos xa anunciados do Festival do Pasatempo (Betanzos, 6 de xullo), do Náutico de San Vicente (O Grove, 20 de xullo) e do festival SonRías Baixas (Bueu, 1 de agosto).

 A artista galega chega a Galicia despois de levar o seu directo a algunhas das grandes cidades de España. En 2024, a de Ourol tocou en grandes salas de Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Oviedo, León, Valladolid, Jaén, Salamanca, Logroño, Ponferrada, Palencia e Tafalla. Tamén foi a protagonista de Galicia Escena PRO, a maior feira de artes escénicas de Galicia, cun concerto en Santiago de Compostela co que puxo fin á primeira parte da súa xira. Sumando as datas anunciadas hoxe, o tour de Sabela escala a 25 presentacións en vivo.

 Nestes concertos, Sabela presentará o seu novo tema, “Hi, My Love”. Unha proposta ambiciosa de levar o seu xa característico pop electrónico a un son máis internacional, pero mantendo ben presentes as súas raíces. Este sinxelo é o primeiro adianto do seu novo EP, que espera ver a luz no medio do tour, a finais deste ano 2024.